Saúdo do presidente

Mentres estamos a ver pasar diante dos nosos ollos o que pode ser o inicio dun novo tempo social e industrial, que ben podería chamarse a era da sociedade da información e da globalización, é de obrigado cumprimento non esquecer as nosas raíces, a nosa procedencia. Mesmo aproveitalas para gañar mellor posición neste esixente contorno.
Por iso naceu a Fundación Galicia Empresa. Dende a pluralidade ideolóxica, sectorial e política coa finalidade que a de promover o uso da lingua e cultura galegas no noso contorno intelectual e empresarial. Unha idea orixinal ao servizo de moitas persoas e entidades que ven na nosa galeguidade o seu sinal de identidade.
Hoxe segue vixente ese compromiso das empresas que forman parte da Fundación de ter e querer ter unha forte implicación con Galicia a todos os niveis, ben sexa divulgando a nosa lingua e cultura como creando emprego ou innovando.
A nosa intención é crear unha empresa con carácter propio e conectada coa sociedade, impulsando o emprego do galego dentro dela, tanto na súa comunicación interna, entre o persoal, como externa, en publicidade e no contacto directo co cliente: Porque o consumidor agradece poder empregar a lingua na que se sinta máis confortable.


Juan Manuel Sánchez Padrós
Presidente da Fundación Galicia Empresa

Historia dun compromiso singular

A Fundación Galicia Empresa ten os seus inicios no ano 1993, cando a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia establece os primeiros contactos con algúns empresarios punteiros e xuntos conforman unhas relacións inéditas, das que se pretende un, daquela, innovador plan de normalización lingüística personalizado para cada empresa, que servise de modelo e referente para un proceso máis global.
A Fundación Galicia Empresa nace coa idea de establecer un achegamento entre o mundo da empresa e a cultura que, aínda que tradicionalmente distantes, teñen coñecido na nosa historia emprendedores filantrópicos que agora serven de inspiración. Trátase dunha idea xeral tendente a un maior compromiso social das empresas coa cultura, que se concreta máis particularmente na recomendación de usar a lingua galega como símbolo dese compromiso e como marca de identidade e da calidade dos seus produtos, sen prexuízo do apoio á poliglosia como factor esencial da actividade empresarial.
O primeiro presidente da fundación foi o máximo responsable da empresa que leva o seu nome, Ramón Castromil Ventureira, verdadeiro pioneiro desta idea e fiel animador dos seus devires; seguiuno Xosé María Fonseca Moretón, presidente de Terras Gauda; no 1998, Manuel Rodríguez Vázquez, presidente de Rodman Polyships e no 2002, Manuel Puga Pereira, director de Astrazéneca. Na actualidade preside a FGE, dende 2007, Benito Fernández González, presidente de Engasa, e actúa como secretario xerente Xabier Súarez-Vence Santiso, presidente da compañía Restauvenda.

Obxectivos

A Fundación Galicia Empresa ten por finalidade a promoción, vertebración e divulgación da empresa galega como entidade específica, caracterizada pola súa vinculación á realidade socio-económica e cultural de Galicia.
En particular, son metas da Fundación:

A normalización do uso do galego na empresa, tanto nas súas relacións internas, como externas, e sen prexuízo do apoio á poliglosia como factor esencial da actividade empresarial.

Promoción da investigación das características peculiares da empresa galega e do seu pulo e desenvolvemento.

Apoio á aplicación dunha estética diferenciadora dos seus produtos.

Creación e fomento de centros de diálogo e de publicacións relativas á vinculación da empresa coa realidade económica, social e cultural de Galicia.

Estatutos

O 26 de novembro de 1996 constitúese nova carta fundacional da Fundación Galicia Empresa, cuns estatutos anovados e adaptados a unha realidade xa consolidada. Foi redactada ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución Española e de acordo co artigo 27-26 dm; do Estatuto de Autonomía de Galicia, nos que se recolle o espírito e filosofía que determinarán os seus fins:

«A fundación ten por obxecto a promoción, vertebración e divulgación da empresa galega como entidade específica, caracterizada pola súa vinculación á realidade socio-económica e cultural de Galicia».

Esta organización foi declarada de Interese Galego, ao abeiro da Lei 11/1991, e posteriormente quedou adscrita ao protectorado da Consellería de Innovación e Industria.

 

 

Declaración de Interese Galego

Descargar o documento

Órganos de goberno

O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da fundación. A el lle corresponde a súa dirección e impulso, executando as súas funcións con suxeición ó disposto no ordenamento xurídico e nestes estatutos. Posúe plena liberdade para determinar as actividades da fundación tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis axeitados ou convenientes en cada ocasión.

Organización

O Padroado da fundación conta cunha Presidencia, unha Vicepresidencia e os vogais, así como cun secretario xerente, que asiste ás reunións do Padroado con voz pero sen voto. A Comisión Executiva, órgano de asesoramento e apoio, posúe facultades de administración e xestión que lle delega o Padroado.

Facultades

O Padroado encárgase de:
Exercer a dirección e o impulso da fundación.
Realizar cantas actuacións sexan necesarias para o desenvolvemento dos fins fundacionais, aprobando as asignacións de recursos para financiar as súas accións conforme ao establecido nos seus estatutos e sen máis limitacións que as establecidas nas normas de aplicación.
É responsable da representación, dirección e administración da fundación, xudicial e extraxudicialmente, e de administración e disposición a título oneroso do seu patrimonio.
Aprobar as contas anuais.
Exercer a inspección, vixilancia e orientación do labor da fundación.
Acordar a apertura e os peches do centro, oficinas e delegacións.
Acordar a fusión, extinción e liquidación da fundación.
Determinar a designación, a remoción ou aceptar a dimisión do secretario da fundación.
A execución dos seus acordos, agás expresa determinación deles noutro membro do Padroado, ou secretario xerente, correspóndelle ó presidente. Os apoderamentos xerais e a súa revogación, as delegacións e a creación doutros órganos de goberno deben inscribirse no Rexistro.

Dereitos dos patróns
Ser patrón da fundación require os seguintes compromisos:
Asistir, con voz e voto, ás sesións dos órganos colexiados nos que estean representados.
Recibir información por medio dos seus representantes, e obtela para si en orde ao exercicio interno das súas funcións.
Presentar, a través dos seus representantes, mocións, proposicións, rogos e preguntas aos órganos de que formen parte.

Obrigas
Na súa actuación o Padroado se axusta ao preceptuado na lexislación vixente e á vontade dos fundadores manifestada nos seus Estatutos. Correspóndelle cumprir os fins fundacionais e administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da organización, mantendo plenamente o rendemento e utilidade deles.
O Padroado aporta información suficiente dos fins e actividades da entidade, para que sexan coñecidos polos seus eventuais beneficiarios e demais interesados. Entre outras, están obrigados a facer que se cumpran os fins da fundación, a concorrer ás xuntanzas ás que sexan convocados, a desempeñar o cargo coa dilixencia dun representante leal, e a manter en bo estado de conservación e produción os bens e valores da mesma.
Os patróns responden fronte á fundación dos danos e prexuízos que causen por actos contrarios á lei ou aos estatutos ou polos realizados neglixentemente. Están exentos de responsabilidade os que se opuxesen ao acordo determinante dela, ou votaran en contra; os que non intervindo na súa adopción e execución descoñecían a súa existencia ou coñecéndoa fixeron todo o posible para evitar o dano ou alomenos opuxéronse expresamente a aquel.

Juan Manuel Sánchez Padrós

Presidente actual
Juan Manuel Sánchez Padrós
Secretario xeral de R

Benito Fernández González

Presidente de 2007 a 2013
Benito Fernández González
Presidente de Engasa

Manuel Puga Pereira

Presidente de 2002 a 2007
Manuel Puga Pereira
Director de Astrazeneca

Manuel Rodríguez Vázquez

Presidente de 1998 a 2002
Manuel Rodríguez Vázquez
Presidente de Rodman-Polyships

José María Fonseca Moretón

Presidente de 1996 a 1998
José María Fonseca Moretón
Presidente de Bodegas Terras Gauda

Ramón Castromil Ventureira

Presidente de 1993 a 1996
Ramón Castromil Ventureira
Presidente de Castromil