A fala galega

Abril, 2015
Xosé Neira Vilas

Galicia, este noso querido país de apenas 30.000 quilómetros cadrados de extensión e menos de tres millóns de habitantes, ten un idioma de seu, unha forma propia de comunicación, decantada polo noso pobo ó longo de máis de oito séculos. Países inmensos, ricos e poderosos, non dispoñen deste privilexio, pois empregan idiomas prestados que lles foron impostos cando eran colonias doutros Estados, tan distantes deles que ás veces tiñan un ancho mar polo medio, como ocorría, poño por caso, con España, Portugal, Inglaterra e Francia, respecto das Américas que conquistaron e dominaron.

Facendo unha comparanza familiar, Castelao dicía que o galego é “fillo do latín, pai do portugués e irmán maior do castelán”. Pero cómpre añadir algo máis, é un dos idiomas máis ricos, máis amplos, máis poéticos, de cantos proveñen daquela lingua latina que o Imperio Romano extendeu por toda Europa. E o galego é, ademais, pola súa semellanza e irmandade co portugués, unha das tres linguas atlánticas, xunto co inglés e o castelán.

En galego podemos comunicarnos con máis de 300 millóns de persoas se temos en conta todo o ancho mundo da lusofonía. Un actor galego en Río de Xaneiro tentou axustar a súa fonética para que o entendesen mellor e dixéronlle que era innecesario, pois entendíano perfectamente en galego. Co galego chegamos a Portugal, ó inmenso Brasil e a países africanos como Angola, Mozambique, Guinea Bissau... Comprobei que a comprensión espontánea da fala galega con calquera dos nativos deses países é máis ou menos a mesma que en castelán pode haber, poño por caso, entre un extremeño e un mexicano ou entre un madrileño e un chileno, por poñer só dous exemplos.

Só por ignorancia poden os pais privar ós nenos da fala galega. Estamos afastándoos dunha rama esencial da nosa cultura, con enormes posibilidades en todos os ordes, incluso empresariais.

Algunhas persoas teñen a menos falar galego. Como durante moitos anos estivo ausente no ensino, no púlpito, na prensa, nos tribunais e quedou en lingua de labregos, mariñeiros e pouco máis, mentres o castelán, que era aquí a única lingua oficial representaba o poder, a vida aparentemente máis levadeira, o mellor comer e vestir, foise xeneralizando un certo complexo de inferioridade. (Algo semellante ocorreu nalgún momento co catalán e o éuscaro). O galego carecía de prestixio social. Nalgúns colexios ata castigaban ós nenos que o utilizaban. Era unha situación moi triste e inxusta.

Hoxe non se xustifica tal complexo. O galego está nos libros, nalgunha prensa, na radio, na televisión, no ensino, en fin, no latexo vital de cada día, aínda que sexa en porcentaxe limitada. E ten presenza internacional en obras literarias, nalgunhas revistas, e ensínanse Lingua e Literatura Galegas en vintetantas universidades de Europa e América, por poñer só alguns exemplos.

Sen menosprezar a ninguén, sen que teñamos que sentirnos máis que ninguén (aínda que tampouco menos) utilicemos con orgullo e ledicia esta lingua herdada dos nosos devanceiros. Con ela podemos expresar as máis duras protestas e o máis tenro amor, agarimo e afecto. Seremos respectados na medida en que sexamos nós mesmos. E seremos solidarios con ese amplo sector do noso pobo que nunca deixou de comunicarse na lingua nai.

Sen menosprezar a ninguén, sen que teñamos que sentirnos máis que ninguén (aínda que tampouco menos) utilicemos con orgullo e ledicia esta lingua herdada dos nosos devanceiros
Xosé Neira Vilas