Alice, miña nena bonita

Outubro, 2015
Rosa Aneiros

-Papá, e ti queres máis a Alice ou a min?

O home non soubo se fora voz ou fora soño. Entrara rapidamente na casa, pousara a chaqueta e o maletín na porta, despedira a rapaza que podía chamarse Lurdes ou Cristina ou Raquel, xa non se acordaba, e preguntáralle namentres ela desaparecía no ascensor:

-Todos durmidos?

-Antón está lendo un libro na cama. Alice, no cuarto do fondo para que non o escoite chegar.

El suspirou. Levaba un día desastroso e aspiraba a cinco minutos de sofá antes de que chegase Berta e revolucionase o mundo coas previsións do día seguinte. Pero se Antón aínda estaba esperto debería ir ata o seu cuarto. Achegouse paseniño e mergullou naquela penumbra onde brillaban as estrelas no teito e, no chan, braceaban mareas de roupa sucia.

-Antón, dormes?

Un vulto asomou a cabeza dende abaixo das sabas. A lanterna de Bob Esponxa do Nadal permitíalle continuar as lecturas na súa cova secreta ata preto da media noite.

-Veña, apaga a lanterna. É hora de durmir. Mañá has caer co sono!

-Lesme ti o conto, papá?

-Outro dos Bolechas? Fillo, téñoos aburridos. Tes que lelo ti, agora que xa aprendiches… Eu estou contigo ata que durmas, vale?

E, nun movemento case reflexo, premeu cos dedos no teléfono móbil para ver as últimas noticias, a previsión do tempo e as repeticións dos goles da xornada anterior. Sen son, claro, para non espelir máis o cativo.

-Veña, Antón, un minuto e apagamos a luz —dixo un tempo despois que podían ser segundos ou minutos ou horas—. Se chega mamá e nos descubre espertos vai berrar.

Foi daquela cando Antón ergueu a ollada e pronunciou lentamente:

-Papá, e ti queres máis a Alice ou a min?

A súa cara escasamente iluminada polo resplandor de Bob Esponxa resultaba algo inquietante:

-Pero, Antón, que parvadas dis! Xa estás durmido e deliras ou que?

Apenas afastou os ollos do móbil para se dirixir ao seu fillo.

-Non respondiches, papá. —Insistiu o neno.

-A quen vou querer máis, home? Como se che ocorre dicir iso! A ti, por suposto! Tes cada cousa…

Silencio.

-Papá, estás seguro de que me queres máis a min?

O home moveu a cabeza cunha mestura estúpida de abraio e fastío. Non podía crelo. Ao desastre de día tiña que sumar as trangalladas a deshora do seu fillo.

-A ver, Antón, a que ven iso agora? Como vou querer máis a Alice cá ti?

-Non sei, con ela xogas moito máis, e vas de paseo aínda que chova, e fálaslle, e dislle “moi ben, moi ben”, e cando fai as cousas ben e acaríñaslle a cariña namentres ves a tele, e cando chegas pola noite sempre vas darlle un mimo aínda que sexa moi tarde e pareza durmida...

-Pero Antón...

-E dáslle unha lambonada ás escondidas de mamá, e lévala ao doutor cando lle doe a tripa, e se mamá lle berra por algo sempre a defendes, e dislle “miña nena bonita, miña nena bonita”, e cando fai as cousas mal repítelas con ela ata que lle saian ben, e logo dáslle apertas grandes e dislle “esta é a miña nena, esta é a miña nena”…

-...

-E, cando fai algo que che gusta moito, dislle que non pode ser máis lista neste mundo e dislle que estás moi orgulloso dela…

-....

- Por iso creo que queres máis a Alice que a min.

O home recompúxose como puido e tan só acertou a murmurar:

-Antón, quérote máis a ti. Non o dubides nunca.

-Vale. Vou durmir que se chega mamá e nos escoita falar vaise armar unha boa. Boas noites, papá.

-Boas noites, fillo.

O home quedou estirado na cama ás escuras, coa luz tamén negada da lanterna de Bob Esponxa. Logo, escoitou o ruído de chaves da porta e ergueuse amodiño. A súa muller depositou o bolso, o abrigo e o paraugas na entrada.

-Ola! Durme xa? Pois veña, vai con Alice que agora non chove e logo pon todo pingando.

O home non dixo nada. Abriu a porta do cuarto do fondo e Alice saíu a fume de carozo. Comeuno a bicos e correu cara á entrada da casa. El deulle uns mimos e non musitou como decote: “ola pequerrecha, eu tamén me alegro de verte, moi ben, moi ben, boa rapaza”. De súpeto, e namentres chegaba o ascensor, volveu petar na casa. A súa muller abriulle apurada:

-Que esqueciches? As chaves? O paraugas? Non fagas ruído que vas espertar a Antón.

El mirouna gravemente aos ollos e preguntou con voz entrecortada:

-Berta, e ti queres máis a Alice ou a min?

Atrás del, Alice ladrou impaciente polo paseo que non daba chegado.